Tuesday 17 de September de 2024

Maiores de 65 anos ofrecerán tapas o sábado en Alfaroleiros en pratiños de barro creados a man


As persoas que forman parte do grupo Cociña e Barro, dos obradoiros de memoria do Concello, cociñarán e explicarán o sábado en directo en Alfaroleiros como crearon manualmente os 300 pratiños nos que servirán gratuitamente as tapas de garavanzos con bacallau e mexillóns tigre. Será a partir das 8 da tarde no Parque Luis Seoane.

A actividade parte das experiencias previas do grupo de Cociña e Barro enmarcado dentro das actividades envellecemento activo para maiores de 65 anos, que ten no Alfar das Torres de Santa Cruz un dos seus escenarios principais. As persoas participantes fixeron unha grande recollida de distintas tapas durante os meses de xaneiro a xuño, que foron cociñadas para participar nun posterior concurso no que gañaron dúas: mexillóns tigre e garavanzos con bacallau.

O 10 de xullo comezaron a confeccionar os moldes de xeso para facer os pratos; o 17 de xullo fixeron todas as pezas necesarias e o 24 realizaron a decoración e esmaltado para ter todo listo para este sábado. Os xantares precociñaranse mañá 9 de agosto, nas cociñas do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo.

As persoas que asistan á demostración do sábado no Parque Luis Seoane ademais de degustar as tapas, poderán levar consigo o pratiño e unha folla coas receitas dos dous petiscos, tamén elaborada polas persoas participantes.